martes, 17 de junio de 2008

TEORIAS DA XUSTIZA

1. LIBERALISMO
O liberalismo non é unha posición política unitaria, senón que máis ben consiste nunha familia de teorías políticas moi diferentes entre si, pero cun denominador común: A defensa da limitación do poder e funcións do Estado.

O liberalismo contemporáneo

Tamén chamado neoliberalismo, caracterizase por unha defensa forte da democracia como sistema de goberno e pola defensa a ultranza da soberanía popular. Xunto con esta idea da democracia, o neoliberalismo asume tres principios de grande importancia ética:

  • O universalismo. O neoliberalismo enunciase como unha teoría política e ética aplicable a todas as culturas porque se presenta como unha teoría racional. Fundamentase no ideal kantiano e ilustrado de racionalidade universal do Ser Humano. Por iso, a defensa dos dereitos humanos é unha das súas posicións políticas máis relevantes.

  • A neutralidade. Para que a teoría política do liberalismo poida concibirse como universal é fundamental que non interveña nin trate de regular aquelas condutas culturais, relixiosas ou individuais que non se relacionen de forma directa coa regulación e estrutura da sociedade. Un dos seus principios fundamentais é non apoiar ningunha medida política que se basee nunha concepción relixiosa ou moral concreta.

  • O individualismo. Para o liberalismo o fundamento do poder reside no individuo. O individuo está sempre por riba da sociedade porque considera á sociedade como un instrumento ao servicio dos individuos. Esta característica é un dos riscos fundamentais que diferencia aos liberais doutras teorías contemporáneas da xustiza.

Todos os liberalismos contemporáneos defenden estes tres principios. Agora ben, segundo se poña máis énfase nun ou noutro deles teremos diferentes formas de liberalismo. As dúas teorías máis influíntes na época actual son: A teoría igualitaria de John Rawls e a teoría libertaria representada por Robert Nozick.

A TEORÍA IGUALITARIA DE JOHN RAWLS.

Rawls centra o problema da xustiza na busca dun criterio que lle permita decidir se o reparto de bens e dereitos dentro dunha sociedade é xusto. Pero, ao contrario que as concepcións clásicas da xustiza, non desenvolve o problema tratando de establecer un criterio ideal de distribución de recursos. Rawls afronta o problema do criterio de xustiza desde un punto de vista procedimental: os criterios son xustos, sempre e cando o procedimento polo que se adoptaran fora xusto.

A pregunta polo criterio de xustiza transformase na cuestión: ¿Qué procedemento será o máis xusto para establecer os criterios de xustiza? Para explicarnos mellor en que consiste unha análise procedimental, Rawls establece unha analoxía: un grupo de persoas decide tirar dados como medio de decidir a distribución dun determinado ben. O resultado prexudicará a algúns e favorecerá a outros, pero o procedemento en sí é xusto. Esta é unha situación hipotética ¿Ocorrerá o mesmo na sociedade real?

O ideal de xustiza como imparcialidade

Na sociedade real os problemas son máis complexos porque na elección de procedementos poden estar influíndo os prexuizos e intereses privados dos individuos que elixen, que non son seres abstractos, senón que teñen sexo, posición social, raza, intereses....) A única forma en que poderían elixir imparcialmente sería que descoñecesen a sociedade na que van vivir, o lugar que ocuparán nela, o seu sexo ou calquera outro risco persoal que lle impedira tomar unha decisión imparcial. A unha posición que cumprira todos estes requisitos chamalle Rawls posición orixinal. Esta posición orixinal é un feito imposible na sociedade real, pero pode contemplarse como unha posibilidade na orixe da sociedade.

Tª contractualista

Seguindo co exemplo do contractualismo inaugurado por Locke e Hobbes, Rawls idea un “contrato social” hipotético no que os individuos sobre os que cae un velo de ignorancia, están situados nunha posición orixinal e, desde esta deciden cal debe ser a estructura da sociedade na que viven. Estes individuos deberán decidir unha serie de principios que regulen a distribución de bens e dereitos, tales principios deben ser universais (aplicables a todo o mundo) e públicos (non deben inmiscuirse naquelas actividades ou facetas da vida que incumben só ao individuo). Nunha posición orixinal, e tralo velo da ignorancia, calquera individuo tentará escoller o principio máis beneficioso para todos, porque ao desaparecer o velo o individuo podería atoparse no sector máis desfavorecido da sociedade. O principio racional que regularía tal elección sería: A sociedade non debe admitir distribucións desiguais a menos que aumenten o beneficio dos máis desfavorecidos. Este principio denominase principio da diferencia e con él Rawls opónse ao principio utilitarista que abogaba por un reparto de bens baseado na utilidade.

No hay comentarios: